24.02.2010
Por aclamación dos Membros do Padroado, Xosé Niera Vilas recibiu o Premio Laxeiro 2010 ante un centenar de amigos e admiradores de Laxeiro.
![]() |
Roberto Varela, Carlos García-Suárez, LuiCaruncho, Xésus López, Antón Pulido e Neira Vilas felicitan o restaurante pola reproducción dunha obra de Laxeiro nunha tarta |
Tras escoitar o acordo do Padroado da Fundación Laxeiro, da boca do seu Secretario Xeral, Carlos García-Suárez Otero, po-lo que se otorgaba o premio Laxeiro 2010 a Don Xosé Neira Vilas, ó Conselleiro de Cultura e Patrono da Fundación Laxeiro, Excmo. Sr. Don Roberto Varela Fariña, xunto ó Presidente-Delegado da Fundación Laxeiro e Concelleiro de Cultura de Vigo, Don Xesús López Carreira, foi o encargado de facer a entrega da estatuilla de bronce, inspirada nun personaxe de Laxeiro e realizada po-lo taller de Lino Cao en Vigo, que identifica o premiado co Laxeiro 2010.
O conselleiro de Cultura considerou que o valor deste Premio, que chega xa á súa sétima edición, "é o de reivindicar non xa a obra senón o espírito mesmo de Laxeiro a través de persoeiros fundamentais da nosa cultura e as nosas artes, persoeiros que se senten próximos a este espírito"
Pola súa parte, Neira Vilas, agradeceu á Fundación Laxeiro a concesión do premio e recordou os numerosos momentos vividos con Laxeiro durante a súa dilatada amistade a ambos lados do Atlántico, e dedicou o Premio a Anisia, a esposa do escritor tistemente desaparecida en novembro de 2009.
O escritor Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928) recibíu o Laxeiro 2010 da man do Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, no xantar homenaxe a Laxeiro que, como é tradicional, todolos anos se celebra no Reustaurante Puesto Piloto de Vigo, no que se reúnen amigos e admiradores de Laxeiro, coincidindo co cumpreanos do artista, data tamén, na que se celebra a Reunión Anual Ordinaria da Fundación Laxeiro.De Izda. a Dcha. Lucia Bouza, Jesús Rey, Carlos García-Suárez, Roberto Varela, Xésus López y Mª Cruz Otero |
Semblanza biográfica
Xosé Neira Vilas naceu en Gres (Vila de Cruces, Pontevedra), o 3 de novembro de 1928. Fillo de campesiños. Despois dos estudos primarios seguíu un curso de peritaxe mercantil por correspondencia. Con 16 anos comezou a traballar nas oficinas dun serradoiro local. Creou un grupo de teatro que representou obras en galego. En 1949 emigrou a Buenos Aires, onde desempeñou traballos diversos. Realiza estudos de comercio, música, xornalismo, literatura. Tomou conciencia da identidade de Galicia en contacto cos intelectuais do exilio: Seoane, Suárez Picallo, Lorenzo varela, etc. Foi Secretario Xeral da Mocedades Galeguistas e participou na comisión organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega. Casa en 1957 con Anisia Miranda, cubana. Xuntos fundaron a organización libreiro-editorial Follas Novas para difundir o libro galego en América. En 1961 Neira e Anisia foron residir a Cuba. Traballou na Administración e fixo xornalismo literario. En 1969 fundou a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, que dirixiu durante vinte e dous anos. Na Arxentina e en Cuba fixo investigacións sobre a presenza da emigración galega en América. Volto a galiza, na súa aldea natal de Gres preside a Fundación cultural Xosé Neira Vilas. É membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana, Premio da Crítica Española (narrativa) e premio da Crítica Galega (ensaio). Fóronlle outorgadas as medallas Castelao, Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas.
| ||
Foi codirector do xornal Adiante (1954), voceiro da Mocidades Galeguistas de Buenos Aires. A súa asinatura é habitual na maioría dos medios da emigración americana e doutros lugares do mundo: Galicia Emigrante (Buenos Aires, 1954-1959); Eufonía (Buenos Aires, 1958); Galicia (Centro Galego de Buenos Aires, fundada en 1926); Opinión Gallega (Buenos Aires, 1945-1965); Ecuador 0º, 0´, 0´´ (méxico, 1965); Vieiros (Revista do Padroado da Cultura Galega de México, 1959-1968); Aquí... Galicia! (Peña Cultural galega Rosalía de castro, Rosario, 1960); Aturuxo (Santa Fe, 1960-1961); Cro Galego Brétemas e Raiolas (Buenos Aires, 1958); Abrente (Casa de Galicia de valladolid, 1960); Galicia ó lonxe (Centro Galego de Lisboa, 1994); etc. En Cuba, dende 1983 ata que se xubilou, foi redactor-xefe da revista infantil Zunzún. outros medios nos que ten colaborado son os xornais A Nosa Terra (fundado en 1978, Santiago) e Diario de Galicia (Vigo, 1988) e a revista Follas Secas de Ourense.
Desde a súa volta desde Cuba a terras galegas, colaborou en diversos medios de comunicación. Froito dese pulo foron as series "Memoria da emigración" e "Crónicas galegas de América", aparecidas inicialmente no Faro de Vigo (1992-1995, domingos) e despois en O Correo Galego (1995-1999) e logo recollidas en varios volumes por Ediciós do Castro. Actualmente ten unha sección fixa en El Correo Gallego ("Arredor do mundo", columna dominical) e publica puntualmente artigos culturais e de tema literario en Galicia Hoxe. (fonte: Fundación Neira Vilas) |
Vista parcial do xantar |
RECOÑECEMENTO Ó TRABALLO DA FUNDACIÓN LAXEIRO
O conselleiro de Cultura e Turismo resaltou as afinidades entre o premiado neste 2010, Xosé Neira Vilas e José Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro, “por compartir o don extraordinario de repropoñer en formas aparentemente simples, inmediatamente comunicativas, toda unha tradición cultural” así como posuír “a cualidade rara e preciosa, de creadores verdadeira e sentidamente populares”.
Continuou decindo que "As afinidades, non tanto electivas coma biográficas e circunstanciais, entre estas dúas figuras clave do noso século vinte, comezan pola súa relación con Galicia, unha relación a miúdo mediada pola distancia da emigración. Laxeiro e Neira Vilas coñecéronse de feito, moitos saberédelo xa, hai case sesenta anos, na biblioteca do Centro Galego de Bos Aires", engadiu o representante de Cultura.
Roberto Varela recordou que "moitas das figuras fundacionais do noso presente identitario e cultural, por circunstancias históricas, residiron durante longos anos lonxe de Galicia, pero, esa distancia, dolorosa distancia ás veces, foilles tamén de axuda nalgún momento no seu quefacer creativo. Se cadra permitiulles albiscar a necesidade de reinterpretar continuamente a tradición, fíxolles comprender que a identidade dun pobo coma o noso cómpre refundala cada día a través da lingua e da arte".
De Esq. a Dta: Javier Bujan, Román Pereiro, Neira Vilas e Antón Pulido |
Para Roberto Varela a creación da Fundación Laxeiro a finais dos anos noventa supuxo "un impulso decisivo neste exercicio de memoria histórica" e o traballo que están a levar a cabo os seus responsables en múltiples ámbitos (expositivo, didáctico, de investigación) "contribúe de xeito notable non só á difusión da obra de Laxeiro senón tamén a promoción de toda a cultura contemporánea galega".
Para máis información sobre os Premios Laxeiro, ir a: Premios Laxeiro nesta mesma páxina.
© Fundación Laxeiro 2008 | Aviso legal
C/ Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Tel/Fax.: 986 438 475 Email: info@laxeiro.es - Web: http://www.laxeiro.es